O MUNDO VÓLVESE PERIGOSO

Observo con preocupación que estamos indo cara un mundo máis cheo de autócratas reais e vocacionais que defenden posturas xenófobas e radicais de dereitas e combaten as bases da democracia e das relacións pacíficas e solidarias entre os pobos. Fronte a esta perigosa tendencia, todos deberíamos facer algo para difundir a tolerancia, o respecto aos dereitos humanos e o aprecio pola diversidade, anque, as veces, poda resultar incómodo aceptar as diferencias.

O meu libro (px. 17) advírtenos: “ A eterna partida que a democracia xoga co poder para mantelo dentro de límites lexítimos comeza a perderse cando esmorece a vontade de loita, cando se considera que o poder autoritario está en retirada e a liberdade garantida.”

Nos tempos que corren, todo o relacionado cos dereitos, a seguridade e as oportunidades das mulleres marca fitos no desenvolvemento da Humanidade. É un punto fundamental na loita pola liberdade, hai que teimar na igualdade entre xéneros e non permitir voltas atrás sobre o xa logrado.

Este blog leva aberto seis meses, analizando a realidade cotián á luz das ideas do libro que lle sirve de base. A verdade é que sempre tivo lectores fieis, aínda que non moitos. A eles especialmente pídolles que boten unha man para sensibilizar aos demais dos perigos que presentan as acumulacións de poder e as tentacións de volta atrás.

Vou estar un mes fora e, durante ese tempo, deixarei de escribir nestas páxinas. Ata a volta!

26-07-18

ISRAEL ESTABLECE UN APARTHEID PARA OS PALESTINOS

Na suma de despropósitos que estamos vendo en diversas partes do mundo, onde carcas, autócratas e xenófobos están en alza, os cambios legais promovidos por  Benjamin Netanyahu  son moi representativos. O Parlamento israelí ven de aprobar unha lei que consagra un tratamento discriminatorio a favor dos cidadáns xudeus dentro do Estado de Israel. Como protestaban os deputados árabes desa cámara, a lei establece un novo caso de apartheid para unha parte importante da poboación, que ademais é a que xa estaba alí cando se creou o Estado Hebreo.

Hoxe líamos unha carta en El País do gran director de orquestra, Daniel Berenboim, na que manifestaba a súa vergoña por ser israelita. Por sorte aínda  hai moitas persoas de orixe xudía que se senten igual.

O mesmo día no que se aprobaba esa lei segregacionista o Sr, Netanyahu  recibía ao líder húngaro Viktor Orban, outro xenófobo radical co que, ao parecer, fai moi boas migas. Os dous parece que tentan debilitar a política da UE, desde dentro e desde fora, para que sexa menos tolerábel coa diversidade e permita, por exemplo, que estes radicais de dereitas que agora temos por aquí establezan as embaixadas dos seus países en Jerusalen, como ven de facer os EUA por decisión do seu presidente, e axuden a rematar co seu estatuto de cidade aberta como procura o primeiro ministro hebreo.

A política fai estraños compañeiros de cama, que diría Manuel Fraga, seguindo un vello aforismo británico. O Sr Netanyahu non ten problemas para ir da man do Sr. Orban que ven sendo un herdeiro directo daqueles fascistas húngaros que enviaron á morte a máis de medio millón de xudeus durante a segunda Guerra Mundial. Como lle pasa ao Sr. Trump, que se sinte feliz traballando co autócrata neofascista Vladimir Putin.

Teñen obxectivos comúns: combater aos diferentes, construír patrias máis fortes e illadas, rebaixar os dereitos das mulleres…

E o que é máis importante, teñen un inimigo común: a Unión Europea. Ela representa iso que eles odian: respecto ao estado de dereito, tolerancia coas persoas independentemente da súa orixe ou inclinación sexual, a idea de construír, mediante o acordo político e a integración comercial, sociedades abertas e dispostas a superar os limites do vello estado nación…

Esperemos que non dure esta vaga de volta atrás, de erguer barreiras aos produtos e ás persoas que queren fabricalos, de reivindicar o que nos divide, de fomentar o egoísmo patrio e intentar impoñelo ás minorías…Se continúa expandíndose, seguirá aumentando o gasto militar e as guerras serán cada vez peores.

24-07-18

VOLVE A TRIBO, BARCELONA RADICALIZA MADRID

Os compromisarios do PP fixeron caso da miña recomendación de hai uns días e elixiron a Pablo Casado como Presidente do partido, que volve así aos tempos de Aznar, conectados á dereita máis tribal. Por fin! un PP máis recoñecíbel que se afasta do centro.

España entra na tendencia europea de ascenso dos partidos de dereita dura. Vai ser interesante o que pase aquí, onde ese espazo empeza a ter overbooking, desexado tamén por Vox e Ciudadanos.

As tendencias de artellamento humano que fomentan estes procesos de volta as esencias patrias analízanse no último capítulo do libro que está detrás deste blog:

  • A globalización introduce tensións competitivas novas que provocan inseguridade, especialmente nas capas de poboación máis expostas ás consecuencias negativas do proceso de apertura exterior. Elas procuran un regreso ao pasado que lles ofreza seguridade, aínda que non sexa máis que unha ilusión irrealizábel.
  • O desgaste da capacidade de actuación da estrutura que sostén a idea de tribo –o estado nación- que ademais é o principal instrumento de poder das elites nacionais (políticas, burocráticas, mediáticas, económicas…), que se defenden botándolle a culpa de todo aos estranxeiros, aos diferentes, aos que queren cambiar as regras de xogo.

Estas tendencias mundiais que están detrás do ascenso político de moitos autócratas e aspirantes a autócratas, veñen reforzadas en Europa pola maior perda de poder que a UE provoca ás vellas estruturas do estado nación. Cousas tan importantes como a unidade de mercado xa non son garantidas polo Estado. Os pequenos países son moi viábeis dentro de Europa o que reforza as tensión en aqueles que non teñen unificada a súa identidade nacional.

O caso de España ten características propias, como ocorre en cada Estado onde crece a dereita radical, derivadas da súa historia. Ademais das relativas á mala asimilación das nacionalidades interiores, hai outra moi importante: a cidade máis grande, a capital, ao contrario do que pasa por exemplo en Londres ou París, é a que concentra máis resistencia tribal.

Madrid, alonxada do mar ou de ríos navegábeis, vive de ser capital e non quere perder nada no proceso de desgaste do Estado. O rexeite á extradición por delito de rebelión do líder catalán Puigdemont polos tribunais de Bélxica e Alemaña reforza esa sensación de non poder facer o que desexan, empregando, neste caso, o poder xudicial para perseguir políticos que teñen ideas e fan cousas que non gustan.

Pero ademais Madrid,  cidade dependente da existencia dun Estado forte, ten a competencia de Barcelona, capital construída desde a sociedade civil, con prestixio mundial e que alberga os mellores centros de investigación e as mellores universidades. Iso non lle pasa a Londres ou a París.

A situación de Cataluña é determinante para que a poderosa dereita española se ispa de roupaxes centristas e volva ás esencias e á tribo patriótica. Non hai máis que escoitar ao novo líder do PP: valores relixiosos, moitas bandeiras, unidade, monarquía. Xa sabemos que significa unha volta atrás en case todo: limitación do aborto, educación católica, endurecemento penal para os que pensen diferente, limitacións á liberdade de expresión, cambios electorais para esixir porcentaxes de votos a nivel “nacional” para ter representación, reforzo ás tendencias xenófobas e antieuropeas…

Xa temos unha dereita dura. De entrada, voume entreter analizando como pelexan entre eles os tres partidos candidatos a liderala e como se reestrutura o espazo centrista moderado. O PP, o partido queestá aí desde hai case 40 anos, fica debilitado pola moita corrupción e a afección a darse títulos universitarios entre eles sen necesidade de estudar.  A verdade e que o proceso da preguiza intelectual (e algo de medo), especialmente aos que vivimos a nosa xuventude baixo unha ditadura, que repetía, unha e outra vez, cousas como as que agora volvemos escoitar.

Por último, apuntar que o que está a ocorrer en Madrid afectará tamén a Galiza, onde o espazo do centro político pode volver ficar aberto. Haberá tempo de falar sobre elo.

22-07-18

POLÍTICA ESPECTÁCULO

O goberno español leva unha política orientada a captar votantes. É lóxico, porque ten un prazo de estancia no poder de dous anos como máximo e goberna en minoría moi minoritaria, o que lle obriga a pactos complexos con outras forzas. Trátase de aguantar e mellorar a imaxe para competir con máis posibilidades nas vindeiras eleccións.

Hai, por suposto, graves problemas no país. Fai falta reforzar políticas sociais especialmente. En elo estamos. Que se deben subir as pensións, pois se suben. Que algúns funcionarios queren gañar un pouco máis, pois se retocan os soldos. Que o presidente de Galiza quere investimentos para terminar autovías con pouco tráfico ou matar moscas a golpes de AVE, pois adiante! E así máis casos.

Para financiar o aumento de gastos e investimentos que se está provocando hai que conseguir diñeiro. Como os medidas de aforro son pouco populares e difíciles de pactar cos socios parlamentarios, compre subir impostos e aumentar as cotizacións sociais.

Pan para hoxe e fame para mañá. Os problemas serán para o próximo goberno, pero iso agora importa pouco. O importante e facerse fotos solucionando problemas sociais e aumentando o investimento en obra pública e aguantar no poder.

Mergullados nunha economía aberta, cun déficit público e unha debida exterior moi altos e unha política monetaria en fase de endurecemento, o que está a propoñer o goberno vai contra a competitividade do país e arrisca a financiación do sector público a medio prazo.

Estou convencido de que hai que aumentar o gasto social e que isto vai ser unha tendencia persistente a longo prazo. Algunhas subidas de impostos fan sentido (multinacionais ou os de carácter ecolóxico) pero teñen percorrido limitado. Outras medidas como a elevación das cotizacións atacan ás crases medias e son perigosas.

Para ter maior autonomía fiscal, reforzar as políticas sociais  e, ao mesmo tempo, reducir déficit e debida, deberían seguirse as políticas que se recollen máis polo miúdo no meu libro:

  • Pelexar para reducir a economía mergullada (fiscal e criminal), combatendo o emprego de billetes, ata eliminalos.
  • Forzar a coordinación a nivel europeo para terminar cos paraísos fiscais e as excesivas rebaixas de imposto de sociedades.
  • Reducir drasticamente a dimensión dos aparatos públicos para liberar recursos. É un tema imprescindíbel na sociedade actual porque as administracións son demasiado grandes e ineficientes. No libro e neste blog levo citados diversos medios para conseguilo:  sobran miles de municipios, 50 provincias, 4 ou 5 autonomías, decenas de embaixadas, unha das dúas policías estatais, algún ministerio, un banco emisor… Por ter, ata temos dous reis.

Non teño moitas esperanzas, repito que os “recortes” non están ben vistos e son difíciles de pactar. Ademais, que demos!, tampouco apetece reducir postos políticos innecesarios e mandar a moitos compañeiros ao paro. Se o goberno aguanta na liña de aumentar gastos sen aforrar costes, dentro de dous anos seremos menos competitivos e estaremos excesivamente endebedados. Entón si que haberá que facer recortes pola vía rápida.

20-07-18

OLLO CO QUE PASA COA LEXISLACIÓN SOBRE O ABORTO

Este blog leva unha tempada comentando situacións varias relativas aos dereitos da muller, en consonancia coa idea que se expón no libro de que o grado de liberdade das mulleres é o mellor indicador do que dispomos hoxe sobre o nivel da democracia e as liberdades nun país. Dentro da lexislación que afecta á liberdade das  mulleres, a regulación do aborto é un punto sensíbel: o primeiro que recebe ataques cando se inicia un retroceso na democracia.

O aborto é un acto sempre pouco desexábel, pero que debe ser tolerado porque afecta directamente á capacidade das mulleres para dispor do seu corpo. Despois de moitas experiencias diversas, pódense resumir en tres os chanzos básicos da lexislación sobre o aborto: Prohibición total, admisión en supostos concretos (violación ou malformación do feto son os casos normais) ou  lei de prazos, que establece un período inicial na  xestación, durante o que a muller pode decidir libremente se quere abortar.

Dentro de cada caso pode haber todo tipo de precisións, pero unha lei de prazos é o que predomina nas democracias que defenden mellor os dereitos das mulleres. Como estamos nun período da historia no que a democracia está sendo acosada por diversas variantes de dirixentes retrógrados, compre observar ás tendencias relativas á regulación da interrupción do embarazo.

O rexeite dunha lei de prazos case sempre ten connotacións relixiosas  especialmente no caso das relixións que están dirixidas por homes e promoven unha ética reprodutiva de raíces ancestrais.

Comentábamos hai uns días que o goberno ultracatólico de Polonia teimaba outra vez en prohibir o aborto a pesares do fracaso que colleitou nun primeiro intento, hai dous anos, pola forte oposición das mulleres. Polonia é un deses países nos que a relixión forma parte da identidade nacional e ten moitas dificultades para ter lexislación que contradiga principios da Igrexa.

Pero non van ter remedio que tolerar o aborto a non ser que o partido gobernante (Lei e Xustiza) consiga pasar a un réxime autocrático. Ganas non lles faltan supoño, pero non poderían facelo sen ter que deixar a Unión Europea e ademais unha maioría das femias xa son conscientes do poder que lles conferiu a democracia e non o van tolerar.

Dentro desta categoría de Estados que basearon a súa independencia  e identidade nacional  nunha confrontación  relixiosa, Irlanda ven de amosar que o respecto aos dereitos das mulleres está por riba da relixión maioritaria e ven de aprobar en referendum a legalización do aborto. Gran vitoria na loita das mulleres, que tamén empeza a chegar aos países latinoamericanos, antes fortemente opostos a estas concesións á tolerancia.

Son boas novas, pero a loita por unha lexislación que garanta o dereito ao  aborto, dentro de prazos que permitan tomar decisións ás mulleres embarazadas, nunca se pode dar por gañada. En España o candidato masculino á presidencia do PP amosa a súa intención de retroceder a unha lei de supostos, no caso de chegar a gobernar.

E non debemos deixar de observar o camiño que colle a nova composición maioritaria, moi conservadora, do Tribunal Supremo dos EUA, que pode supor unha volta atrás no asunto que analizamos.  Unha instancia que ten sido fundamental nese país para que se admitira o aborto legal. Témome que teremos que volver sobre elo máis adiante.

18-07-18

APOIEN A CASADO POR UN PP MÁIS RECOÑECÍBEL

Se é vostede un compromisario do PP debería votar por Pablo Casado para ser o vindeiro presidente do partido. Xa está ben de ambigüidades, de anos tratando de parecer un partido de centro dereita. Vai sendo hora de que os españois podan votar sen vergonza polo “franquismo sociolóxico”, que sempre tivo moito peso no seu partido.

O programa de Pablo suxíreo para os que saiban entender:  retiremos a lei de prazos do aborto, que vai contra a doutrina da única igrexa verdadeira,  aínda que morran mulleres ou haxa que levar a algunhas á cadea, empreguemos o código penal contra todos os que non pensan como os españois de ben, digan o que digan os tribunais europeos…

Casado é un home de gran formación, por iso sabe que os nacionalistas periféricos son mala xente. Non en van fixo brillantemente – é tan intelixente que nin sequera necesitou aparecer por clase- un Máster en Dereito Público Autonómico e Local na prestixiosa Universidade Rei Juan Carlos. Un centro creado para dar formación de primeiro nivel ao aparato político do partido que protexe as esencias de España, polo que se lle deu o nome dun Rei recoñecido polas súas fondas inquedanzas intelectuais (sabe moito dos elefantes, por exemplo), o seu inquebrantábel respecto ás leis e o seu desinteresado altruísmo no servizo á patria.

Por se todo isto non fora bastante, o Sr. Casado tivo o privilexio de traballar durante anos co Presidente Aznar, que seica agora apoia a súa candidatura. José María foi un auténtico mestre en analizar a realidade: deuse conta enseguida de que os atentados do 11 m. en Madrid foran cousa de ETA e non de islamitas radicais, de que non ocorreran os supostos accidentes do Prestige ou do Yak 42, de que Sadam Husein  tiña milleiros de armas de destrución masiva que xustificaban declararlle a guerra sen máis, ou de que había que levar o AVE a todas as “capitais de provincia” para maior gloria da Capital, aínda que tanto peso da construción animara  a Bárcenas e outros a cobrar algunhas comisións.

Aznar foi tamén un dirixente internacional cun extraordinario dominio de idiomas. O mesmo falaba catalán na intimidade para entenderse con Jordi Pujol que español con acento texano para achegarse máis ao clarividente líder no que atopaba inspiración: o Presidente George W. Bush.

Anímense, non sexan tímidos, a pesares da súa idade, Pablo Casado é ese pasado do que senten tanta nostalxia.

 

17-07-18

TRUMP, UN XOGETE NAS MANS DE PUTIN

O ben que o debe estar pasando o Presidente ruso! Ven de rematar o Mundial de Fútbol que foi un éxito para el porque rachou o illamento político que seguiu á anexión de Crimea no 2014 e agora chega a visitalo Donald Trump, que, a pesares da súa retórica anti Putin, ten que agradecerlle o cargo que ocupa á fronte do país máis poderoso da Terra.

Vladimir Putin está vendo como a súa obra se consolida, como as súas insidias axudaron a que os EUA teñan un Presidente que debilita a cohesión e a economía dos países democráticos, a que a UE rache coa saída do Reino Unido e os populistas continúen acosándoa. El sigue aí: apoiando autócracas xenocidas en Siria ou Sudán, amosando músculo na tribuna coa axuda da subida de prezos do petróleo, que coordina cos xeques árabes, e movendo fíos secretos, como cando traballaba na KGB,  para que as marionetas se comporten como el quere.

A ULTRADEREITA POLACA CONTRA OS DEREITOS DAS MULLERES

Falaba na anterior entrada do blog dos problemas que terán as mulleres no caso dunha recesión democrática. Como explico no libro, elas son as grandes beneficiarias da existencia dun réxime de liberdades. Os que atacan o estado de dereito desde o autoritarismo ultra conservador, sempre atacan ás mulleres.

O executivo polaco é un lamentábel exemplo. Ven de limitar a independencia xudicial cunha lei que lle permite elixir aos maxistrados do Tribunal Supremo para que este se someta aos seus designios. Paralelamente, combate ás organizacións feministas con todo tipo de medidas de presión, retira fondos para protexer ás mulleres maltratadas e aplica unha taxa aos divorcios para que éstas teñan máis dificultades para afastarse dos que as someten. Todo elo co beneplácito da influínte xerarquía católica e dos seus medios de información, como a coñecida Radio María.

O  ataque ás organizacións feministas agocha o medo que lles colleu o Goberno polaco, despois do luns negro de outubro do 2016, no que 150.000 mulleres, vestidas desa cor, se votaron ás rúas en vilas e cidades para protestar contra un intento de prohibir o aborto. Daquela conseguiron meterlle o medo no corpo ao goberno, que agora volve coa teima nun novo proxecto de lei que está no Parlamento.

A caverna relixioxa  trata de apagar a voz das mulleres libres. Espero que non o consiga, os tempos da caverna fican demasiado lonxe do século XXI.

 

11-07-18

TODO O QUE UN HOME PODE FACER, EU PODO FACELO

Iso afirma Cardi B, unha rapeira que ven de ocupar, por segunda vez en doce meses, o número un nas listas de éxitos dos EUA.  Antes dela, só no 1998 outra rapeira, Lauryn Hill, conseguira encabezar o Billboard, dentro desta especialidade do mundo da canción popular, tan masculina mesmo machista. Cardi B -ex striper, participante en reality shows e con 27 millóns de seguidores en Istagram- seguiu as recomendacións da súa precursora que advertía ás mulleres novas, na súa canción de éxito, sobre a necesidade da autoestima.

Hai uns días, Souad Abderrahim, directora dunha empresa farmacéutica, foi elixida alcaldesa de Túnez, a primeira vez que unha muller o consegue nunha capital árabe. Un paso importante. O nivel de  liberdade acadado polo seu país é unha oportunidade para as femias. No extremo oposto, o réxime feudal de Arabia Saudita é boa mostra do que aínda fica por facer no mundo musulmán, pero polo menos  xa lles deixan conducir coches desde o mes pasado. Pequenos pasos que enchen de alegría a moitas.

Na nosa Galiza,  Rosario Álvarez Blanco, é a primeira muller en ser elixida  Presidenta do Consello da Cultura Galega, onde chega rodeada dun equipo de colaboradores, maioritariamente feminino. Seguro que van dar moito xogo. Mentres. as rapazas seguen a ser maioría (62%) entre os estudantes que conseguiron nota igual ou superior a nove na última selectividade.

Aínda que excesivamente devagar, vai habendo máis presenza feminina en todo tipo de postos de responsabilidade. Como insisto no meu libro, as mulleres son as grandes beneficiarias da lenta extensión da democracia o que, ademais, enriquece  o funcionamento das sociedades. Elas deberían ser as primeiras en preocuparse pola defensa das liberdades. Sen elas volverían estar condenadas a papeis secundarios.

09-07-18

BEN POLAS MINISTRAS!

Montero non vai subir impostos sobre a renda

Uns días atrás criticaba a pretensión do novo Goberno de Pedro Sánchez de aplicar medidas de recadación que ameazaban á crase media, o alicerce dunha democracia estábel.

Así se destaca no libro, que amosa a miña preocupación porque os problemas de desigualdade que se analizan polo miúdo esmaguen tamén á burguesía, vía política fiscal.

Retiro a crítica. A Ministra de Facenda non pensa subir os tipos do IRPF e se vai centrar máis nas grandes empresas. É o que hai que facer.

Celaá impulsa a educación en valores cívicos.

A Ministra de Ensino ten intención de impoñer a obrigación de ensinar valores cívicos nos colexios.

No libro explico que é fundamental promover este tipo de materia no ensino primario e medio:

“… é preciso apoiar e reforzar o sistema educativo, facer del un lugar central para desenvolver a cortesía, a tolerancia e a capacidade de debate entre posturas e visións distintas e mesmo contrapostas. Non imos ter suficientes bos científicos, bos profesionais ou simplemente bos cidadáns se as novas xeracións non posúen capacidade de crítica, de contrastar as informacións que reciben ou de desconfiar dos sistemas sociais que queren alienalos, se non son capaces de escoitar con respecto as posicións dos outros e de argumentar as súas, se non afinan a súa empatía para meterse debaixo da pel dos que son diferentes.” (px 98)

06-07-18